Proxecto CE10 e o Consello Social organizaron a Xornada ‘Universidade, discapacidade e inclusión. Estado da cuestión e retos de futuro’ que celebrouse o mércores 23 de novembro no Salón de Graos da Facultade de Dereito da Universidade da Coruña (UDC). Esta Xornada tivo como obxectivo a presentación das conclusións do informe “Cuestións xurídico administrativas no tocante á inclusión do alumnado universitario con discapacidade e necesidades educativas especiais”, o principal traballo realizado ata o de agora polo Proxecto CE10.
O acto de presentación foi dirixido por Antonio Abril Abadín, presidente do Consello Social da UDC, institución patrocinadora de CE10 e impulsora do Informe, o cal supón unha das análises máis completas realizadas a nivel estatal sobre a inclusión e discapacidade na universidade. Unha das tarefas máis laboriosas para poder sacar adiante este informe foi a recompilación de tódalas normativas xurídicas ao respecto, tanto nacionais como europeas e internacionais, para complementar a análise global. Na presentación, Antonio Abril destacou que “o Consello Social está encantado de promover e impulsar actividades como ésta de investigación en responsabilidade social. A RSC está dentro da UDC e iso agrádanos”.
O Informe ten unha finalidade múltiple: servir de referencia ás universidades, tanto nacionais como internacionais; proporcionar recomendacións e propostas de reforma, mellora ou innovación; e impulsar no eido educativo superior a efectiva realización dos dereitos das persoas con discapacidade.
Na Xornada participaron varios membros do Proxecto CE10: Francisco Javier Sanz Larruga, catedrático de Dereito Administrativo; Marta García Pérez, profesora titular de Dereito Administrativo; e Paloma Caneiro González, doutoranda e investigadora da UDC, tamén interviron na presentación.
Francisco Javier Sanz Larruga explicou que a universidade pode xogar un papel fundamental neste ámbito: “Desde a universidade queremos abrirnos ás persoas e colectivos relacionados coa discapacidade, e queremos axudar á súa inclusión no mercado laboral e na sociedade”.
As propostas do informe presentado esta mañá poden axudar a completar esta tarefa pendente, segundo Marta García Pérez: “Este estudio analiza a lexislación relacionada coas universidades e coa discapacidade. E o fan para propoñer melloras e cambios. Este traballo pide recursos económicos e asignación de persoas, pero tamén vontade e compromiso das universidades públicas españolas”. Ao término da súa exposición emitiuse o vídeo “Carta dos dereitos dos estudantes con discapacidade na universidade”, que supuxo a orixe e a base de análise do Informe.
“Miña experiencia persoal serviume, en moitos casos, de improvisado test de avaliación dos diversos plans e programas analizados. Así, cada descobrimiento dun plan ou programa serviu para imaxinar en que medida variarían as condicións nas que me incorporei á Universidade”, sinalou Paloma Caneiro González (Exposición completa de Paloma).
Ao remate da Xornada fíxose entrega aos asistentes do Resumo Executivo do Informe.
Sobre a Xornada e o Informe La Voz de Galicia e La Opinión de A Coruña publicaron unha nota de prensa e unha entrevista, respectivamente.
Se desexa solicitar o Informe é preciso facilitar uns datos para que este se envíe por enderezo electrónico, para elo debe premer na pestana seguinte: