Quen somos
Somos un grupo de investigadores na procura de promover a efectiva realización dos dereitos das persoas con discapacidade recollidos na Convención das Nacións Unidas.
Os orixes do proxecto
O Grupo Dereito Público Global da Universidade da Coruña (UDC), xunto con expertos de diferentes ámbitos científicos e o patrocinio do Consello Social da Universidade da Coruña, constituímos en 2014 o Seminario Permanente sobre Diversidade, co obxectivo de impulsar accións de I+D+i en materia de inclusión e diversidade.
A Universidade, lugar común, aberto e plural para o pensamento, ofrecéusenos como plataforma para analizar, avaliar e tratar de mellorar as medidas postas ao servizo dunha sociedade que aspira a conformarse de persoas iguais na diversidade.
Primeiras accións sobre os dereitos das persoas con discapacidade
As primeiras accións do Seminario enfocáronse a recompilar, sistematizar e analizar a normativa universitaria destinada aos estudantes con discapacidade.
Tratamos de avaliar o grao de cumprimento da Convención das Nacións Unidas sobre os dereitos das persoas con discapacidade e facer propostas de reforma, mellora e innovación no tratamento da diversidade.
Froito dos nosos primeiros traballos, elaboramos a “Carta dos dereitos dos estudantes con discapacidade na Universidade”. Este documento contén o decálogo de dereitos que se consideran imprescindibles e irrenunciables tras a ratificación da Convención das Nacións Unidas sobre os dereitos das persoas con discapacidade por parte do Estado español.
Nace Proxecto CE10: Observatorio de Políticas Públicas por Igualdade de Oportunidades
O Proxecto CE10, o Observatorio de Políticas Públicas en Materia de Discapacidade, Atención á Diversidade e Igualdade de Oportunidades, nace das conclusións do Seminario Permanente sobre Diversidade.
A nosa denominación, Proxecto CE10, ten a súa razón de ser na declaración que preside a regulación dos dereitos e deberes fundamentais na nosa Constitución de 1978:
“A dignidade da persoa, os dereitos inviolables que lle son inherentes, o libre desenvolvemento da personalidade, o respecto á lei e aos dereitos dos demais son fundamento da orde política e da paz social” (artigo 10.1 CE).
A nosa evolución non é un simple cambio de nome, xa que os obxectivos sobredimensionáronse de forma orgánica:
Igualdade de oportunidades
O colectivo das persoas con discapacidade é representativo dos éxitos e fracasos doutras políticas públicas inclusivas, pero xunto a el existen outros moitos colectivos en risco de exclusión que merecen atención. Por iso é polo que optamos por poñer o foco de atención na igualdade de oportunidades, sexa cal for a causa da desigualdade.
Accesibilidade, inclusión e diversidade
O Observatorio centrou as súas primeiras accións nos dereitos das persoas con discapacidade no ámbito educativo, pero a nosa actividade e meta é global. Buscamos accesibilidade, inclusión e diversidade en todos os ámbitos da sociedade.
Consulta as nosas publicacións
Accede ao noso catálogo de informes en materia de discapacidade, inclusión, accesibilidade e diversidade.