Investigadores de CE10 participan na xornada ‘Retos e tendencias sobre discapacidade e inclusión’

11 de Maio de 2016

Os investigadores e integrantes do Proxecto CE10 Paloma Caneiro González, Jorge López-Veiga Brea e María del Carmen Rodríguez Martín-Retortillo asistiron o pasado 21 de abril á xornada ‘Retos e tendencias sobre discapacidade e inclusión no ámbito Universidade-Empresa’ organizada polo Consello Social da Universidade da Coruña na Sede de Afundación en A Coruña.

Consello Social de la UDC pechou o programa ‘Retos e tendencias sobre discapacidade e inclusión no ámbito Universidade-Empresa’ con grande éxito de afluencia. A xornada tivo o obxectivo de poñer de manifesto a integración como unha peza clave para o desenvolvemento laboral das persoas con discapacidade.

O presidente do Consello Social da UDC, Antonio Abril Abadín, abriu o programa co convencemento de que “o que pode transformar o mundo é a educación”, ademais de facer unha aposta decidida pola inclusión: “Todos temos algunha discapacidade. Pensar que é un tema que afecta só ás familias e non a todos, xa é unha discapacidade”.

O programa de conferencias tamén contou coa intervención do reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, que destacou a importancia de fomentar unha “interacción Universidade-Empresa” para a inclusión laboral das persoas con discapacidade: “Dende a UDC estamos orgullosos de iniciativas como Espazo Compartido e de ter unha Vicerreitoría específica para estes temas. Son actividades que precisan financiamento engadido e na UDC estamos traballando para acadar cada vez máis recursos”.

Un dos puntos fortes da xornada foi o relatorio “O talento desde persoas con miradas diferentes”, de Mara Dierssen, prestixiosa científica no eido da neurociencia e investigadora do Centro de Regulación Xenómica. “Aínda non se acadou un acceso significativo ao emprego público por parte das persoas con discapacidade. A realidade non é a legalidade”, lembrou Dierssen. A científica pensa que a sociedade aínda “non está convencida de por que temos que integrar a estas persoas”, a pesar do valor da diversidade: “É necesario incorporar perspectivas diferentes e grupos heteroxéneos, porque a diversidade de miradas é o que produce a excelencia”.

O acto tamén contou con dúas mesas de debate nas que participaron Antonio-Luis Martínez-Pujalte, director da Cátedra de Discapacidade e Empregabilidade Tempe-APSA; Araceli Torres Miño, vicerreitora do campus de Ferrol e de Responsabilidade Social da UDC; Francesc Sistach Vallvé, director xeral de Specialisterne; Enrique Silvestre, xerente do Instituto Nacional da Administración Pública; Francisco Botia, director xeral de Ilunion Capital Humano; eRamón Capdevila Pagès, director xeral de Fundación Universia. Nas súas intervencións púxose de manifesto a importancia de experiencias de integración de persoas con discapacidade no contorno laboral, como Espazo Compartido, Tempe-APSA ou Specialisterne.

Os relatores lembraron que en España hai preto de 21.000 estudantes universitarios con discapacidade, pero a integración laboral aínda é un reto pendente, posto que só accede ao mercado de traballo un de cada catro. A crise tamén afectou especialmente a este colectivo, xa que nos últimos anos se incrementou un 217 por cento a porcentaxe de persoas con discapacidade en situación de desemprego.