Quen somos

O 13 de febreiro de 2014 constituíse na Facultade de Dereito da Coruña o Seminario Permanente sobre Diversidade, baixo o patrocinio do Consello Social da Universidade da Coruña, co propósito de impulsar accións de I+D+i en materia de diversidade. Moveunos entón, e impúlsanos cada día, a declaración que preside a regulación dos dereitos e deberes fundamentais na nosa Constitución de 1978, que da nome ao Proxecto co que nos identificamos, CE10:

“A dignidade da persoa, os dereitos inviolables que lle son inherentes, o libre desenvolvemento da personalidade, o respecto á lei e aos dereitos dos demais son fundamentos da orde política e da paz social” (artigo 10.1 CE).

A Universidade, lugar común, aberto e plural para o pensamento, ofrecéusenos como plataforma inmellorable para analizar, avaliar e tratar de mellorar as medidas postas ao servizo dunha sociedade que aspira a conformarse de persoas iguais na diversidade.

As primeiras accións do Seminario dirixíronse a recompilar, sistematizar e analizar a normativa universitaria destinada aos estudantes con discapacidade, coa finalidade de avaliar o grao de cumprimento da Convención das Nacións Unidas sobre os dereitos das persoas con discapacidade e facer propostas de reforma, mellora e innovación no tratamento da diversidade.

Na actualidade, o Seminario constituíuse en Observatorio de Políticas Públicas en Materia de Discapacidade, Atención á Diversidade e Igualdade de Oportunidades. Non é un simple cambio de nome: os obxectivos sobredimensionáronse sen necesidade de que os membros do Seminario puxésemos especial empeño niso. A idea forza da dignidade da persoa e a aspiración de acadar unha sociedade inclusiva que nos moveron dende os inicios non se esgotan nas persoas con discapacidade. Máis ben, este colectivo é representativo dos éxitos e fracasos das políticas públicas inclusivas, pero xunto a el existen outros moitos colectivos en risco de exclusión que merecen así mesmo atención. De aí que optásemos por poñer o foco de atención na igualdade de oportunidades, sexa cal sexa a causa da desigualdade.